Carreira Matogrande-Xuxán: A segunda cita do circuíto Coruña Corre chega o 6 de abril

O circuíto de carreiras populares Coruña Corre continúa a súa andaina logo da exitosa primeira proba celebrada o pasado sábado, e xa se prepara para a segunda cita do ano: a Carreira Matogrande – Xuxán. Trátase da segunda edición desta proba conxunta entre os barrios, que naceu por iniciativa da alcaldesa, Inés Rey, co obxectivo de integrar as distintas zonas da cidade nas actividades deportivas que promove o Concello.
Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes, destacou a importancia desta iniciativa, subliñando que “desde o Concello buscamos que o maior número de barrios estean representados no circuíto e consideramos que é unha boa maneira de integrar a Xuxán, o barrio máis recente, nas actividades deportivas que promovemos”.
A carreira terá lugar o vindeiro domingo 6 de abril e o prazo de inscrición está aberto ata o domingo 30 de marzo ás 23.59 horas a través da páxina web oficial do circuíto,
O percorrido da carreira de Matogrande contará con 6.640 metros e terá o seu punto de saída na rúa Sebastián Martínez Risco, na contorna do colexio Liceo La Paz. Este ano, a proba percorrerá o Campus Universitario de Elviña e o barrio de Matogrande, ademais de incluir, por primeira vez, o barrio de Xuxán, onde se disputarán os últimos 2 quilómetros da carreira.
Ao igual que en edicións anteriores, o circuíto contará cunha proba absoluta e categorías adaptadas para os máis pequenos, con percorridos para as categorías sub 18, sub 16, sub 14, sub 12, sub 10 e sub 8 (peques). Ao finalizar as probas, farase entrega de medallas no palco instalado nas instalacións do Liceo La Paz. A primeira proba dará comezo ás 10.00 horas, e a entrega de premios terá lugar ás 11.00 horas. O resto das probas seguirán a partir das 11.15 horas, cunha nova entrega de premios ás 13.00 horas.
Os dorsais poderán recollerse o sábado 5 de abril de 11.00 a 20.30 horas e tamén o domingo 6 de abril desde as 09.00 horas ata unha hora antes do inicio de cada proba. A recollida realizaráse nas instalacións do colexio Liceo La Paz, na rúa Sebastián Martínez Risco. As persoas que xa se inscribiron no circuíto e teñen o seu dorsal e camiseta non necesitarán recoller un novo.
As próximas probas do circuíto Coruña Corre 2025 serán:
- XIII Carreira Popular Torre de Hércules: 15 de marzo
- IX Carreira Popular Matogrande-Xuxán: 6 de abril
- XVI Baixada Popular de Cross San Pedro de Visma: 11 de maio
- XII Carreira Popular Os Rosales: 1 de xuño
- XII Carreira Popular Volta a Oza: 14 de setembro
- XI Carreira Popular do Ventorrillo: 26 de outubro
- XIII Carreira Popular Novo Mesoiro: 23 de novembro