Carral será punto de saída dunha concentración turística de vehículos clásicos e antigos

O municipio de Carral acollerá o vindeiro domingo, 15 de xuño, a XV edición da Concentración Turística de Vehículos Clásicos e Antigos “Cidade de Cristal - Ruta da Auga”, unha cita organizada polo Automóvil Club Galicia que reunirá afeccionadas e afeccionados ao motor e ao patrimonio automobilístico.
A xornada arrancará ás 9.30 horas diante do Concello de Carral, lugar de encontro para os e as participantes, que partirán nun percorrido que os levará por dous puntos destacados do sistema de abastecemento de auga da comarca: a estación de bombeo de Cañás e a planta de tratamento da Telva.
A actividade combinará a paixón polos vehículos históricos cunha ruta de carácter divulgativo, promovendo tamén o coñecemento das infraestruturas vinculadas á xestión da auga. Xa pola tarde, a partir das 17.00 horas, terá lugar o acto de clausura cunha entrega de recordos e premios ás persoas participantes, nun ambiente festivo e de convivencia.
Para máis información, o Automóvil Club Galicia pon a disposición os teléfonos 609 291 550, 696 281 470 e 686 188 954.