Carral sae á rúa para defender a continuidade do alcalde Javier Gestal

Un grupo de veciños e veciñas de Carral convocou para o vindeiro martes 2 de setembro ás 20.00 horas, no Campo da Feira, unha concentración en apoio ao alcalde, Javier Gestal, tras o anuncio dunha moción de censura que podería entregarlle a alcaldía ao Partido Popular e ao seu candidato, José Luis Fernández Mouriño.
A mobilización chega como resposta á decisión dos concelleiros non adscritos Francisco Bello e Mercedes Caridad, quenes rompen co resultado das eleccións municipais nas que a esquerda obtivera maioría absoluta. Polo momento, descoñécense os motivos que levaron a ambos a apoiar esta moción, malia teren criticado con dureza a figura de Mouriño no pasado.
Desde Alternativa dos Veciños fixeron un chamamento a participar masivamente, coa intención de 'defender o mandato das urnas e o alcalde lexítimo fronte a unha operación que cualifican de contraria á democracia'.
Pola súa banda, o PSdeG-PSOE de Carral tamén manifestou o seu rexeitamento á moción. A voceira local, Patricia Blanco, subliñou que 'non hai casos de corrupción, nin problemas económicos graves, nin exceso de gasto que xustifiquen unha medida tan extrema'. Se ben critica a falta de iniciativa do goberno de AV, considera que debe ser a cidadanía quen valore esa xestión nas urnas, non mediante unha manobra política que cualifica de 'falta de respecto institucional'.
Os socialistas engaden que a moción podería responder a intereses máis amplos relacionados coa Deputación da Coruña e tachan de clientelismo a coincidencia entre a súa presentación e o anuncio da Xunta de Galicia sobre o centro de saúde de Carral.
O PSdeG fai un chamamento á calma e á moderación, rexeitando os insultos e as chamadas á confrontación, aínda que apoian o dereito da veciñanza a manifestarse pacificamente. 'É o alcalde quen debe defender ao pobo ante as ameazas, non ao revés', concluíu Blanco, deixando claro que, a pesar das discrepancias coa xestión municipal, a moción de censura lles parece 'inxustificada e inoportuna'.