Carral revela aos máis pequenos o segredo dos seus afamados boliños na XXI Festa do Pan

Carral mantén a tradición e transmite ás novas xeracións o seu segredo máis prezado: a fórmula para elaborar os seus recoñecidos boliños. Da man dos obradoiros infantís da XXI Festa do Pan, milleiros de nenos descubrirán, ao longo da fin de semana, os pasos que deben seguir para cociñar esta receita tradicional. Trátase dunha das actividades que máis interese esperta entre o público asistente, algo que se puido comprobar dende o inicio do evento polas longas colas diante da zona de obradoiros. Unha imaxe que tamén se repetiu no punto de venda dos bocadillos cardiosaudables, elaborados con pan de Carral, xamón serrano, tomate e aceite de oliva.
A actividade na xornada inaugural da Festa do Pan, organizada polo Concello de Carral e a Asociación de Panadeiros, prolongarase ata a noite. Durante todo o día haberá feira medieval, representacións teatrais a cargo do alumnado do IES de Carral, espectáculos de zancudos e malabaristas, así como música do Grupo Ritmo, do Grupo Arnela de Carral, da Parranda Labradores (Lanzarote) e de América S.L.
A xornada de despedida
O domingo 11, a programación arrincará ás 11.00 horas coa venda do bocadillo cardiosaudable, a feira medieval e os obradoiros de elaboración. Ás 11.30 horas terá lugar unha exhibición de buxainas acrobáticas a cargo do campión internacional mexicano, Omar Pule, e tamén unha exhibición de baile de buxainas. Ambas propostas repetiránse ás 17.30 horas.
Ás 14.00 horas, a orquestra Fuego amenizará a sesión vermú, mentres que ás 16.30 e ás 18.30 horas haberá actuacións da Charanga Santa Compaña. Finalmente, ás 20.00 horas, Fuego porá o toque musical para despedir a programación da vixésimo primeira edición da Festa do Pan.