Carral renova a iluminación dos pavillóns do Vicente Otero e de O Espiño cun investimento de 11.759,50 euros

O Concello de Carral continúa introducindo melloras nas instalacións deportivas municipais e vén de executar a renovación da iluminación en dous recintos: o pavillón do CEIP Plurilingüe Vicente Otero Valcárcel e o pavillón de O Espiño. As actuacións realizáronse con fondos propios e supuxeron un investimento total de 11.759,50 euros.
O concelleiro de Deportes, Óscar Bodelo, explica que os traballos responden ás peticións trasladadas polas persoas usuarias e permiten mellorar as condicións lumínicas para a práctica deportiva, á vez que se avanza en eficiencia enerxética.
Segundo detalla o Concello, a administración local solicitara no seu momento unha axuda do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia por importe de 26.964,73 euros para renovar unicamente a iluminación do pavillón do centro educativo. Con todo, a subvención foi denegada ao non acadar o proxecto a puntuación mínima requirida. Ante esta situación e ao considerar necesarias as actuacións, o goberno municipal decidiu asumir o investimento con recursos propios e ampliar o alcance do plan para incluír tamén O Espiño, cun orzamento, ademais, máis axustado.
A intervención consistiu na substitución das antigas lámpadas de vapor de mercurio por novas luminarias tipo LED. Co cambio, os dous pavillóns pasan a contar cunha iluminación máis homoxénea e estable, mellorando a visibilidade durante os adestramentos e competicións, e reducindo ao mesmo tempo o consumo eléctrico.
Estas non son as únicas actuacións recentes nos recintos deportivos. O Concello acaba de concluír tamén a instalación dun aerotermo con bomba de calor no campo de ফুট fútbol Borja Rodríguez Ans, en Os Capelos. Trátase dun sistema máis moderno e sostible co que, segundo o goberno local, a capacidade de auga quente incrementarase nun 75%.