Carral rende homenaxe a Manuel Ferrol cunha exposición ao aire libre no Campo da Feira

ACoruñaXa
A exposición estará composta por unha selección das imaxes finalistas da VI edición do Concurso Manuel Ferrol
expo-foto-carral
23 Jul 2025

Carral prepárase para celebrar a fotografía e a memoria dun dos seus grandes referentes culturais. Este xoves 24 de xullo, ás 20.30 horas, o Campo da Feira —diante da Casa Consistorial— converterase nun espazo de arte visual coa inauguración da mostra das mellores obras da VI edición do Concurso Manuel Ferrol.

A iniciativa, organizada pola Asociación Cultural Cultura Aberta, conta coa colaboración do Concello de Carral e o apoio económico da área de Cultura da Deputación da Coruña. A exposición estará composta por unha selección das imaxes finalistas desta sexta edición, que contou coa maior participación da súa historia.

O xurado, integrado por figuras destacadas como Xoán Piñón, Nacho Romero, Vanesa Casteleiro, María Meseguer, Víctor Echave e Ángel Cordero, elixiu como obra gañadora "El hombre de la calle Callao", do fotógrafo madrileño Miguel Ángel Sintes, que recibiu un premio de 1.000 euros.

O acto inaugural contará coa presenza do alcalde de Carral, Javier Gestal; representantes da Deputación da Coruña; o presidente de Cultura Aberta, Lois Anxo Ferreiro; así como membros do xurado, da directiva da asociación e participantes no certame. Tamén estará presente a artista galega Leticia Rey, madriña do concurso nesta edición, que ademais de compartir a súa paixón pola fotografía ofrecerá unha breve actuación musical con temas do seu novo disco Danza Luz, que verá a luz en setembro.

Durante a inauguración anunciarase tamén a convocatoria da VII edición do certame fotográfico. A exposición, producida por Jega Gráfica, poderá visitarse no Campo da Feira durante agosto e setembro.

⚙ Configurar cookies
0.17823219299316