Carral recibe subvención de Augas de Galicia para mellorar o abastecemento de auga

O Concello de Carral obtivo recentemente unha subvención de Augas de Galicia por importe de 13.987,60 euros destinada á realización de auditorías nos sistemas de abastecemento en alta e de subministración en baixa.
Estas auditorías permitirán cuantificar as perdas de auga nas distintas redes e deseñar un plan de actuacións detallado que busque reducilas ao mínimo durante o ano 2025. O obxectivo é mellorar a eficiencia do servizo, optimizar os recursos dispoñibles e garantir un abastecemento de calidade para toda a veciñanza.
O proxecto tamén inclúe a identificación de puntos críticos onde se producen fugas ou desperdicio de auga, de modo que as actuacións posteriores poidan centrarse nas áreas de maior impacto. Desde o equipo de goberno local subliñan a importancia destas iniciativas para un uso sostible dos recursos hídricos e avanzan que seguirán traballando para conseguir novas axudas e subvencións que melloren os servizos municipais.