Carral publica as bases das axudas ao estudo para o curso 2024/2025

O Concello de Carral deu un novo paso no seu compromiso co apoio á comunidade educativa coa publicación, este mércores 16 de abril, das bases reguladoras das bolsas ao estudo para o vindeiro curso académico 2024/2025. O anuncio foi recollido no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e marca o inicio do proceso para que o estudantado poida beneficiarse desta liña de axudas municipais.
As bolsas están dirixidas ao alumnado empadroado en Carral que estea matriculado nalgunha das seguintes etapas educativas: o segundo ciclo de Educación Infantil, estudos postobrigatorios como bacharelato, formación profesional básica ou ciclos formativos, así como estudos universitarios oficiais.
Porén, desde o Concello lembran que aínda non está aberto o prazo de solicitude das axudas. A convocatoria iniciarase o día seguinte á publicación do extracto das bases no BOP, momento no que se informará de forma oficial á veciñanza para que poida presentar a documentación correspondente.
Con esta iniciativa, Carral busca contribuír á igualdade de oportunidades no acceso á educación, apoiando ás familias no afrontamento dos custos asociados á formación do seu alumnado.