Carral proponse frear o cambio climático cunha posta en marcha de medidas

ACoruñaXa
Realizáronse unha serie de actuacións de naturalización de espazos urbanos, divulgación e participación da cidadanía na loita contra o cambio climático
6 Aug 2024

No 2023, ao Concello de Carral foille concedida unha subvención da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia dentro da liña de axudas a entidades locais de Galicia. A axuda estaba dirixida ao desenvolvemento do proxecto PIMA Cambio Climático para a realización de accións de mitigación e adaptación ao cambio climático.

A actuación que solicitou o Concello incluíu tanto a reforma dun espazo público orientada á naturalización e á atenuación do efecto illa de calor, como a unha campaña de sensibilización centrada en achegar á veciñanza do municipio a importancia da loita contra o cambio climático e as súas consecuencias.

A actuación de reforma dun espazo público orientada á naturalización rematou en xullo e consistiu nos traballos previos de adecuación de parte da rúa Manuel Jesús Méndez Búa para a escavación dos alcorques e a posterior plantación de 12 pradairos de Freeman. Esta actuación está considerada como unha das medidas de adaptación aos efectos do cambio climático máis interesantes na contorna urbana e, grazas a ela, pódese reducir o efecto de illa de calor das zonas urbanas, reducindo a temperatura da rúa mediante o sombreado das árbores. E polo tanto resultará nun espazo de cómodo paseo e estancia para a veciñanza, e que atenuará o risco de calor extremo e tamén incidirá na mellora da calidade do aire.

Tamén servirá para a naturalización da rúa, coa plantación de especies arbóreas que contribuirán ao desenvolvemento das especies de fauna e flora local. Esta medida axuda, polo tanto, á conservación e mantemento da biodiversidade na zona urbana. A iniciativa cumpre, en definitiva, co que sinala a Organización Mundial da Saúde (OMS): “unha cidade cunha infraestrutura verde ben planificada e ben administrada vólvese máis sustentable, mellora a calidade de vida, adáptase mellor ao cambio climático, reduce o risco de desastres e conserva os ecosistemas”.

Actuacións de sensibilización da cidadanía sobre o Cambio Climático

Co fin de fomentar a sensibilización da cidadanía sobre as causas e consecuencias do cambio climático realizáronse varias actuacións de concienciación sobre a importancia do papel de todos na loita contra o cambio climático. Unha parte destas actividades de sensibilización estiveron dirixidas ao alumnado de 1º de ESO do IES de Carral e as outras desenvolvéronse mediante unha convocatoria aberta dirixida a toda a poboación do municipio.

As actividades de sensibilización no IES de Carral consistiron nunha pequena charla sobre o Cambio Climático a partir da realización dun test sobre pegada ecolóxica que fixo cada participante e a partir do cal se abordaron de forma participativa e dinámica aqueles aspectos que máis interese espertaban no alumnado.

A continuación participaron no obradoiro de construción de refuxios de fauna (hoteis de insectos, caixas-niño para aves insectívoras e caixas-refuxio para morcegos) que axudan ao mantemento e conservación da nosa biodiversidade naquelas zonas máis urbanizadas.

Para finalizar, cada grupo participante realizou unha ruta ambiental camiñando ata a área recreativa da Brexa onde foron descubrindo numerosos aspectos do medio natural e da importancia da conservación das árbores e o bosque de ribeira para axudar á conservación dos nosos ríos. E remataron instalando os refuxios para morcegos e as caixas-niño para aves insectívoras en varias árbores da área recreativa, implicando así directamente ao alumnado na creación dun espazo de biodiversidade.

Xornada de sensibilización aberta ao público xeral

Estas xornadas de sensibilización no novo espazo urbano de naturalización de rúa, en convocatoria de toda a veciñanza do municipio e centrada na concienciación sobre a loita contra o cambio climático e o importante papel de toda a sociedade tanto nas grandes como nas pequenas accións que son necesarias neste eido.

Esta xornada foi encamiñada a facilitar as boas prácticas ou o bo uso da enerxía, auga e residuos nos nosos fogares, transporte... traballando actitudes e hábitos baseados na cultura da sustentabilidade. Na mesma se expuxeron varios carteis informativos e se exhibiron diversos elementos sobre enerxías renovables (xoguetes solares, forno solar..) sobre aforro da auga (aireadores, redutores de caudal....) ou a mostra dun compostoiro para reciclar os residuos orgánicos como forma de reducir o impacto climático do tratamento dos residuos domésticos.

Ademais esta actuación incluíu a realización dun panel informativo con contidos orientados á conservación da fauna e flora autóctonas e á loita contra o cambio climático e que se centra especialmente en dar a coñecer a importancia das árbores nas zonas urbanas para reducir o efecto illa de calor entre outras moitos beneficios para o medio ambiente e a nosa saúde.

 

0.16062307357788