Carral promove nos seus centros a educación ambiental coa axuda dunha subvención europea

ACoruñaXa
Un programa dirixido aos centros educativos CEIP de Tabeaio, CEIP Vicente Otero Valcárcel e IES de Carral
alumnado-carral
20 Jun 2025

O Concello de Carral vén de recibir unha subvención de 12.324 euros para desenvolver actividades de conservación, recuperación e sensibilización ecolóxica na contorna da Rede Natura 2000. A axuda, publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 17 de xaneiro, está cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan Estratéxico da Política Agrícola Común (PAC) 2023-2027 en Galicia.

Grazas a esta achega económica, o Concello porá en marcha un programa dirixido ao alumnado dos centros educativos CEIP de Tabeaio, CEIP Vicente Otero Valcárcel e IES de Carral co obxectivo de promover entre os máis novos o respecto e coñecemento do patrimonio natural.

Tal como sinalan desde o Goberno local, “buscarase inculcar aos nenos, nenas e rapaces en idade escolar o valor dos nosos espazos naturais”, mediante un conxunto de actividades educativas que se desenvolverán ao longo do curso 2024/2025 e no primeiro cuadrimestre do seguinte.

O programa incluirá charlas formativas, rutas ambientais pola zona ZEC encoro Abegondo-Cecebre —un espazo de alto valor ecolóxico incluído na Rede Natura 2000—, a entrega de material didáctico e obradoiros prácticos adaptados ás diferentes idades do alumnado participante.

Con esta iniciativa, Carral reafirma o seu compromiso coa educación ambiental e a posta en valor do seu patrimonio natural, apostando por sensibilizar ás novas xeracións sobre a importancia da conservación dos ecosistemas locais.

⚙ Configurar cookies
0.1943998336792