Carral prevé completar a parcela de San Vicente cun aparcadoiro e novas zonas verdes de lecer

O Concello de Carral quere dar un novo paso na mellora do núcleo de San Vicente. O alcalde, José Luis Fernández Mouriño, levará a pleno extraordinario a proposta de destinar o POS+ Adicional (2ª fase) da Deputación da Coruña ao proxecto de humanización dunha parcela situada nas inmediacións da igrexa de San Vicente de Vigo.
Segundo avanzou o rexedor, a achega provincial permitiría executar un aparcadoiro no contorno e habilitar un espazo libre cunha zona verde axardinada, que se integrará coa área de xogos infantís xa existente. As actuacións desenvolveranse no terreo que o Arcebispado de Santiago cedeu ao Concello no ano 2019 en virtude dun convenio asinado polo propio Fernández Mouriño.
Grazas a ese acordo, o municipio puido construír ese mesmo ano un parque infantil na zona. Agora, o goberno local pretende completar os servizos do ámbito cunha nova área de estacionamento e un espazo para o uso recreativo e de esparexemento da veciñanza.
O proxecto municipal contempla a creación de dúas plataformas diferenciadas. A inferior destinarase a aparcadoiro, facilitando o acceso e a permanencia dos vehículos sen interferir coas zonas peonís. A plataforma superior concibirase como un espazo libre con áreas axardinadas, pensado tamén para acoller festas patronais e outros eventos, aproveitando a súa amplitude e configuración. O orzamento estimado para estas obras elévase a 96.000 euros.