Carral prepárase para a VI Festa da Auga

O municipio de Carral celebra este sábado, 23 de agosto, a sexta edición da Festa da Auga, un evento que marca o final da tempada de piscina, que rematará o 7 de setembro.
A actividade desenvolverase nas piscinas municipais en horario de 16.00 a 20.00 horas e terá acceso libre para toda a veciñanza. Os asistentes poderán disfrutar de inchábeis para todas as idades e rematar a xornada cunha divertida festa da escuma entre as 19.00 e as 20.00 horas.
Para garantir a seguridade dos participantes ante a previsión dunha gran afluencia, reforzarase o servizo de socorrismo e contará tamén coa presenza do servizo municipal de emerxencias, a agrupación de voluntarios de Protección Civil e ambulancia.
Nas edicións anteriores participaron arredor de 400 persoas ao longo da tarde, e desde o goberno local esperan que esta sexta edición repita o éxito e anime a veciñanza a participar nunha tarde de diversión acuática e convivio.