Carral prepárase para 20 horas de festa arredor do seu pan máis tradicional

O Concello de Carral e a Asociación de Panadeiros xa teñen todo listo para celebrar unha nova edición da súa cita máis emblemática: a Festa do Pan, que este ano alcanza a súa vixésimo primeira edición. Serán preto de 20 horas de celebracións repartidas entre o sábado 10 e o domingo 11 de maio, nas que o pan de Carral será o auténtico protagonista.
A festa arrancará o sábado ás 12.00 horas coa apertura do posto de venda do popular bocadillo cardiosaudable, elaborado con xamón, tomate e aceite de oliva. Ao mediodía tamén abrirán a feira medieval e o taller infantil de elaboración de pan, unha das actividades máis esperadas polos pequenos da casa.
O ambiente animarase coa música do Grupo Musical Gaeloc Medieval, que ofrecerá dous pases ás 12.30 e ás 13.30 horas, antes da sesión vermú amenizada polo Grupo Ritmo ás 14-14.00 horas.
A tarde continuará con máis cultura e entretemento: ás 16.30 horas, o alumnado do IES de Carral representará a obra teatral A viaxe sen retorno, que repetirán ás 18.00 horas. Tamén pola tarde, os asistentes poderán gozar dun taller de olería, dun espectáculo de zancudos e malabaristas (ás 18.00 horas), e dunha intensa xornada musical a partir das 20.00 horas na praza da Capela, coa actuación do Grupo Arnela de Carral e a Parranda Labradores chegada dende Lanzarote. A verbena da noite, a partir das 21.30 horas, correrá a cargo de Ritmo e América S.L.
O domingo, día 11, a festa retomará forza dende as 11.00 horas co bocadillo cardiosaudable, a feira medieval e novos talleres. Ás 11.30 horas, o campión internacional mexicano Omar Pule ofrecerá unha impresionante exhibición de peonzas acrobáticas, que se repetirá pola tarde ás 17.30 horas.
Á hora do xantar, a orquestra Fuego amenizará a sesión vermú ás 14.00 horas. Pola tarde, a Charanga Santa Compaña porá a nota musical ás 16.30 e ás 18.30 horas, antes de que Fuego regrese ás 20.00 horas para pechar unha edición que promete ser inesquecible.
Con esta programación variada e chea de actividades para todos os públicos, Carral consolidase unha vez máis como referencia gastronómica e cultural da comarca.