Carral organiza unha excursión para gozar do Nadal de Allariz e dunha visita guiada a Ourense

O Concello de Carral prepara para o domingo 14 de decembro unha excursión cultural e de lecer que combinará unha visita guiada á cidade de Ourense cun percorrido pola ambientación de Nadal da vila de Allariz, un dos cascos históricos mellor conservados de Galicia, declarado Conxunto Histórico Artístico e recoñecido co Premio Europeo de Urbanismo pola rehabilitación do seu patrimonio.
A xornada comezará en Ourense, onde as persoas participantes poderán coñecer con máis detalle o centro histórico e a contorna termal da cidade, famosa polas súas burgas e polos espazos dedicados ás augas quentes ao aire libre. O percorrido desenvolverase en formato de visita guiada, o que permitirá afondar na historia e nos principais atractivos turísticos ourensáns.
Ao mediodía, o grupo desprazarase ata o Balneario Laias Caldaria, complexo de catro estrelas situado no municipio de Cenlle, xunto ao río Miño, a escasos quilómetros da capital provincial. O establecemento combina hotel e balneario e destaca polas súas modernas instalacións e polas augas mineromedicinais hipertermais e sulfuradas, empregadas en múltiples tratamentos de benestar. Alí celebrarase o xantar incluído na viaxe.
Pola tarde, a excursión continuará en Allariz, localidade ourensá que conserva unha singular rede de rúas empedradas, pontes medievais sobre o río Arnoia e unha destacada arquitectura tradicional. Durante estas datas, a vila énchese de iluminacións, decoracións temáticas e propostas comerciais e culturais baixo a marca 'Nadal de Allariz', que cada ano atrae visitantes de toda Galicia.
O prezo da actividade é de 20 euros para persoas pensionistas, 28 euros para o público adulto e 14 euros para menores de ata 14 anos. As prazas son limitadas, polo que o Concello recomenda anotarse canto antes.
As inscricións deberán formalizarse de maneira presencial na Casa da Cultura de Carral entre o 1 e o 5 de decembro. Desde o goberno local salientan que esta proposta pretende ofrecer á veciñanza unha alternativa de ocio en grupo, combinando patrimonio, termalismo e ambiente festivo de Nadal nunha única saída.