Carral mellora a eficiencia enerxética da Casa do Concello cun investimento de preto de 120.000 euros

A Casa do Concello de Carral vén de completar unha importante renovación para optimizar a súa eficiencia enerxética, grazas a un investimento próximo aos 120.000 euros, financiado maioritariamente pola Xunta de Galicia a través da convocatoria bianual 2024-2025 de mellora de edificios municipais.
As actuacións incluíron a instalación dun sistema SATE na fachada e dun panel sándwich no tellado para mellorar o illamento, a colocación de paneis fotovoltaicos, e a substitución dos equipos de calefacción e refrixeración por bombas de calor máis eficientes. Tamén se renovou a iluminación interior con tecnoloxía de baixo consumo e sistemas de control e regulación. Segundo os datos técnicos, estas melloras permitirán un aforro do 43,3% en enerxía primaria non renovable e unha redución equivalente nas emisións de CO₂.
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou esta mañá o edificio municipal para coñecer os resultados das obras e lembrou que Carral é un dos 17 concellos coruñeses beneficiados por esta liña de axudas, que na súa primeira convocatoria repartiu case 1,7 millóns de euros na provincia, e que xa está aberta a edición 2025-2026 cun orzamento de 5 millóns de euros para melloras en illamento, iluminación e climatización.
Estas iniciativas, segundo destacou, contribúen a reducir as emisións contaminantes, mellorar o confort das instalacións municipais e favorecer a reactivación económica do sector da construción e servizos asociados, en liña coa Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050.