Carral lanza un concurso de decoración navideña para veciños e comercios

O Concello de Carral invita aos seus veciños e comerciantes a participar nun concurso de decoración para ambientar o municipio durante as festas de Nadal. A iniciativa pretende que tanto a cidadanía como o tecido comercial se impliquen na creación dun ambiente festivo.
O concurso inclúe tres categorías: vivendas unifamiliares (fachadas e xardíns), apartamentos e pisos (fachadas, balcóns, portas ou corredores), e comercios (escaparates e interior dos establecementos). En cada categoría entregaranse tres premios consistentes en cestas de produtos de Nadal valoradas en 95, 80 e 60 euros respectivamente.
Poderán participar propietarios ou arrendatarios de vivendas ou negocios situados no municipio, tanto en zonas urbanas como rurais. O prazo de inscrición estará aberto desde o venres 5 ata o 15 de decembro, e as solicitudes deberán entregarse no rexistro municipal ou a través da sede electrónica.