Carral iniciará en febreiro a reforma interior do Complexo Deportivo e trasladará a actividade a O Espiño

O Concello de Carral porá en marcha en febreiro o proxecto de reforma interior do Complexo Deportivo, unha intervención que implicará unha reorganización dos espazos e a renovación dos acabados para modernizar as instalacións e mellorar a súa funcionalidade. Co obxectivo de reducir molestias e acelerar a execución, a actividade trasladarase de maneira provisional ao pavillón de O Espiño.
Segundo explica o concelleiro de Deportes, Óscar Bodelo, 'a realización destas intervencións non é compatible co uso e o funcionamento diario da instalación'. Tendo en conta que o Complexo conta con máis de medio milleiro de usuarios, o Concello opta por concentrar temporalmente os servizos no pavillón para facilitar o traballo tanto á empresa adxudicataria como á concesionaria da xestión.
O Complexo Deportivo pechará as súas portas o 13 de febreiro. A partir desa data, o Concello realizará o traslado da maquinaria da sala de musculación e acondicionará O Espiño para que poida funcionar con normalidade desde o 18 de febreiro. O horario manterase sen cambios: de luns a venres, de 9.00 a 15.00 e de 16.30 a 23.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas. Todas as actividades desenvolveranse neste recinto, coa excepción das clases de pilates, que se impartirán no Local Interxeracional no seu horario habitual.
O proxecto municipal busca gañar espazo e comodidade para a práctica deportiva. Para iso, eliminarase a separación interior entre a actual sala de actividades e a zona de máquinas aeróbicas e musculación, o que permitirá ampliar esta última. Ademais, a sala de actividades trasladarase ao espazo que ocupaba o SPA, que leva anos en desuso. Tamén se habilitará un novo cuarto auxiliar ligado á sala de actividades e un almacén que dará servizo ás dúas zonas.
As actuacións inclúen unha posta a punto dos acabados interiores: na sala de actividades instalarase un pavimento laminado sobre o existente, colocaranse dous grandes espellos en dúas paredes e, nas outras dúas, realizaranse traballos de pintado e a colocación dun revestimento con taboleiros. Tamén se substituirá o falso teito por un novo. Na zona de máquinas retirarase a tarima de madeira para unificar o chan, renovaranse os paramentos verticais e instalaranse novas espaldeiras.
A obra completarase con novas luminarias na sala de actividades, no cuarto auxiliar e no almacén, así como con tomas de electricidade e telecomunicacións repartidas polos diferentes espazos. Por último, executarase unha nova instalación de ventilación e climatización para as salas de actividade deportiva. Bodelo resume o obxectivo da actuación: 'é pór a punto e modernizar a dependencia para adaptala ás necesidades dos usuarios, que gañarán en espazo e en comodidade á hora de facer deporte'.