Carral impulsa un proxecto para mellorar a eficiencia enerxética da Casa do Concello

ACoruñaXa
Instalaranse paneis fotovoltaicos na cuberta do edificio que estarán conectados á rede eléctrica urbana
carral-obras
22 Apr 2025

O Concello de Carral vén de poñer en marcha esta semana un ambicioso proxecto de mellora da eficiencia enerxética na Casa do Concello, que permitirá reducir nun 43% tanto o consumo de enerxía como as emisións de CO₂ do edificio municipal.

As obras contan cun orzamento de 149.993,23 euros, dos cales o 80 % está financiado pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, a través dunha subvención concedida ao abeiro da orde do 16 de xaneiro de 2024. O 20 % restante será asumido con fondos municipais.

O alcalde, Javier Gestal, subliñou a importancia estratéxica da actuación: "Trátase dun proxecto que persegue un dobre obxectivo: por unha banda, reducir as emisións contaminantes e, pola outra, xerar un importante aforro económico para o Concello", sinalou.

O proxecto contempla a mellora da envolvente térmica da Casa Consistorial, actuando tanto na fachada como na cuberta, para reducir a demanda enerxética. Ademais, instalaranse detectores de presenza nas estancias de uso intermitente que permitirán acender e apagar automaticamente as luces, optimizando o consumo eléctrico.

Outro dos puntos destacados do plan é a renovación do sistema de climatización, que incluirá un mecanismo de xestión intelixente da enerxía, capaz de contabilizar, medir e controlar o gasto enerxético en tempo real.

Por último, instalaranse paneis fotovoltaicos na cuberta do edificio, que ademais de abastecer a Casa do Concello, estarán conectados á rede eléctrica urbana para verter o excedente de enerxía xerado.

⚙ Configurar cookies
0.060290098190308