O Concello de Carral puxo o ramo esta semana á súa terceira Liga de Pádel, unha competición que reuniu a un total de 24 parellas repartidas en dúas categorías: a A, dirixida a xogadores avanzados, e a B, pensada para participantes de nivel intermedio.
Despois de meses de xogo intenso e competición amigable, a final celebrouse o pasado xoves, coroando como campións da categoría A a Marcos Sande e Samuel Ferreiro. Na clase B, o primeiro posto foi para a parella formada por Rodrigo Fuentes e Alejandro Sánchez. Pola súa parte, as subcampionatos foron para Santiago Rivera e David Lameiro (A), e Manuel Cortés e Raúl Varela (B).
O alcalde, Javier Gestal, participou no acto de entrega de trofeos e quixo destacar o compromiso de todos os participantes, aos que felicitou polo seu "esforzo realizado durante a competición".
A liga desenvolveuse en dúas fases. Entre febreiro e maio celebrouse a fase regular, con 62 encontros disputados. A continuación, deu comezo a fase eliminatoria, á que accederon as catro mellores parellas de cada grupo.
De cara ao verán, o Concello anunciou que abrirá proximamente o prazo de inscrición para o Torneo de Pádel de Verán, unha nova cita deportiva que comezará a mediados de xullo e se estenderá ata mediados de setembro.
Carral consolídase así como un referente no impulso ao deporte local, fomentando a participación e o espírito competitivo nun ambiente de convivencia e respecto.