Carral converteuse no epicentro da ximnasia rítmica con 500 deportistas

ACoruñaXa
Nunha dobre cita co X Torneo Club Ximnasia Rítmica Carral e o XXII Certame Municipal de Ximnasia Rítmica
carral-ximnasia
24 Mar 2025

O pabellón O Espiño converteuse no epicentro da ximnasia rítmica en Galicia, grazas á celebración do X Torneo Club Ximnasia Rítmica Carral e o XXII Certame Municipal de Ximnasia Rítmica, que reuniron a unhas 500 deportistas procedentes de clubs de toda a comunidade. O remate do evento estivo marcado pola entrega de premios, a cargo do alcalde de Carral, Xavier Gestal, quen aproveitou a ocasión para felicitar ás participantes "polas súas actuacións, froito do traballo e esforzo realizado durante meses".

O X Torneo Club Ximnasia Rítmica Carral foi organizado polo club carralés en colaboración co Concello e contou coa participación de arredor de 200 deportistas de idades comprendidas entre os 3 e os 20 anos. As e os participantes foron divididos en categorías de iniciación, prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete e sénior base. Ao longo do torneo, 17 clubs de toda Galicia presentaron as súas mellores actuacións, facendo do evento unha verdadeira mostra de talento. Ao final das exhibicións, entregáronse galardóns ás tres mellores participantes de cada división.

Pola súa banda, o XXII Certame Municipal de Ximnasia Rítmica foi coorganizado polo Concello e o Club de Ximnasia Rítmica Carral. O obxectivo principal deste evento non foi a competición en si, senón a demostración das habilidades adquiridas polas gimnastas. Neste certame, participaron máis de 250 deportistas que realizaron un total de 66 actuacións. Ao remate do certame, entregáronse medallas a todas as persoas participantes, celebrando o esforzo e a dedicación de cada un dos/as ximnastas.

Unha xornada repleta de deporte, esforzo e emoción que destacou a importancia desta disciplina en Galicia e o apoio do Concello de Carral ao deporte local.

⚙ Configurar cookies
0.50532007217407