Carral contará coa participación da comunidade educativa no acto institucional do 25N

O Concello de Carral volverá implicar este ano á comunidade educativa nos actos con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. A administración local aposta de novo por visibilizar esta data a través dun acto público no que a mocidade terá un protagonismo especial.
A programación inclúe a lectura dun manifesto contra a violencia machista, na que participará o alumnado dos diferentes centros de ensinanza do municipio. O obxectivo é reforzar a sensibilización en idades temperás e promover valores de igualdade, respecto e tolerancia cero fronte a calquera forma de violencia exercida sobre as mulleres.
O acto está previsto para as 12.00 horas no exterior da Casa do Concello, onde se reunirá a comunidade educativa xunto con representantes institucionais e veciñanza que queira sumarse á convocatoria.