Carral celebrou con éxito a V Festa da Familia reunindo a 500 persoas

ACoruñaXa
Unha cita que volveu reunir a centos de veciños e veciñas para dar a benvida ao verán
carral-familias
23 Jun 2025

Carral celebrou a quinta edición da súa xa tradicional Festa da Familia, unha cita que volveu reunir a centos de veciños e veciñas na Área Recreativa da Brexa para dar a benvida ao verán en ambiente de convivencia e celebración.

Ao redor de 500 persoas participaron no xantar colectivo, convertido nun punto de encontro interxeracional no que se compartiron mesa, conversacións, xogos e risas. O evento, organizado polo Concello de Carral, mantén ano tras ano o seu espírito integrador e festivo, consolidándose como unha das citas sociais máis esperadas pola veciñanza.

Para a cativada, a xornada tamén foi sinónimo de diversión grazas aos inchables instalados no recinto, que fixeron as delicias dos máis pequenos e permitiron ás familias gozar dun día de lecer completo.

Desde o Concello de Carral expresaron o seu agradecemento “a Protección Civil e Emerxencias Carral, Habaziro e a Casa Grande de Xanceda por colaborar nesta Festa da Familia, así como a todos os veciños e veciñas por acompañarnos neste día”.

A V Festa da Familia volveu demostrar o compromiso do municipio con iniciativas que fomentan o encontro comunitario e o fortalecemento dos lazos sociais, nunha contorna natural que se converteu no escenario perfecto para unha xornada inesquecible.

⚙ Configurar cookies
0.19592499732971