Carral celebra o XVI Día do Patín e o III Trofeo de Patinaxe Artística no pavillón do Espiño

Carral converterase este domingo 14 de decembro na capital do patinaxe coa celebración conxunta do XVI Día do Patín e do III Trofeo Concello de Carral de Patinaxe Artística. As actividades desenvolveranse no pavillón do Espiño e no Centro de Formación Antón Fraguas ao longo de toda a xornada, con propostas deportivas e lúdicas pensadas para todos os públicos.
A partir das 10.30 e ata as 13.30 horas disputarase o Trofeo de Patinaxe Artística, no que participarán patinadoras e patinadores de diferentes categorías e niveis, representando ao club local Alquimia e a outras entidades convidadas. Pola tarde, de 16.00 a 19.00 horas, celebrarase o Día do Patín, cun completo programa que inclúe obradoiros, xogos, sorteos e, por suposto, moita patinaxe.
A organización anima a nenos, nenas, mozos e persoas adultas a achegarse con patíns propios, aínda que tamén se facilitará material a quen non dispoña del, co obxectivo de que ninguén quede sen probar. Trátase dunha proposta aberta a todas as idades e a todos os niveis, desde persoas que se inician ata quen xa ten experiencia sobre rodas.
Ao longo da xornada realizarase tamén unha recollida de alimentos non perecedoiros a favor da Asociación Paluso, co fin de sumar un compoñente solidario á festa do patinaxe. O evento está organizado polo Concello de Carral, a través da área de Deportes, e polo Club Patinaxe Alquimia, coa colaboración de diferentes entidades e empresas locais.