Carral celebra o mes do libro agasallando lecturas á veciñanza e con contacontos infantil

Carral énchese de libros este mes de abril. Co gallo da celebración do mes do libro, o Concello vén de poñer en marcha unha iniciativa para achegar a lectura á veciñanza: todas as persoas que se acheguen á Casa da Cultura poderán levar exemplares de balde para gozar desde as súas casas.
A iniciativa, impulsada pola Biblioteca Municipal, non require ser persoa usuaria nin estar inscrita no servizo. O único necesario é ter ganas de ler. O punto de agasallo de libros, situado na entrada da Casa da Cultura, estará dispoñible ata finais de mes, cunha ampla variedade de títulos e xéneros, desde narrativa ata poesía, teatro e ensaio, tanto para público infantil como adulto.
Esta acción é posible grazas ao traballo de expurgado dos fondos da biblioteca e tamén ás doazóns de veciños e doutras institucións, que permiten renovar os materiais dispoñibles e dar unha segunda vida aos libros.
Dentro da programación especial de abril, o Concello organizará tamén unha actividade para os máis pequenos. O mércores 24 de abril, a partir das 18.00 horas, a compañía Trinketrinke Teatro ofrecerá unha sesión de contacontos a cargo dos Ratos de Lonxedetodo, dirixida a nenos e nenas a partir de 4 anos.
Con estas propostas, Carral busca reforzar os vínculos entre a cidadanía e a lectura, poñendo en valor o papel das bibliotecas como espazos de encontro, cultura e imaxinación.