Carral avanza na implantación do servizo de saneamento en San Vicente de Vigo

O Concello de Carral segue dando pasos na implantación do servizo de saneamento na parroquia de San Vicente de Vigo, un compromiso adquirido polo alcalde, Javier Gestal, cos veciños e veciñas da zona. Esta semana comezou a terceira fase do proxecto, que permitirá poñer en funcionamento o servizo nos núcleos de Ameás, Parapar e Abrigosa.
Estas intervencións, financiadas con fondos provinciais, continúan as realizadas nas fases anteriores. A primeira fase executouse en 2020, pouco despois de que Javier Gestal accedese á Alcaldía, e a segunda, realizada a principios de 2025, posibilitou a instalación do saneamento no núcleo de Balbén.
O obxectivo do Goberno local, tal e como sinala o propio alcalde, é claro: “Implantar este servizo en todo o termo municipal, facendo que o saneamento chegue a todas as parroquias e núcleos”. A continuación destas fases, Carral seguirá avanzando na mellora dos servizos para os seus veciños e veciñas, co compromiso de asegurar unha infraestrutura básica e fundamental para o benestar e a saúde pública de toda a veciñanza.