Carral arrinca os 'Cantos na Baiuca 2025' con ruta de tabernas e foliada no Campo da Feira

A Asociación Cultural Cultura Aberta de Carral, co apoio do Concello, de empresas locais e da Área de Cultura da Deputación da Coruña, pon en marcha mañá sábado, 18 de outubro a terceira edición dos cantos de taberna 'Cantos na Baiuca 2025'. A proposta arrancará ás 19.30 cun percorrido polos establecementos colaboradores, onde as formacións interpretarán pezas de raíz e convidarán o público a sumar as súas voces.
Ás 22.30 pecharase a ruta polos bares e dará comezo no Campo da Feira de Carral unha foliada libre, aberta tanto ás agrupacións participantes coma a calquera persoa ou grupo que queira achegar a súa música.
Locais colaboradores
A ruta fará parada nos seguintes establecementos: A Taberna Siglo XXI, Lume e Ferro, o Restaurante Terra, o Mesón O Muiño Vello, o Restaurante Rincón de Oro e a Cafetería Ivis (Paleo–Carral). Completarán o percorrido o Mesón Costa da Égoa (Beira), O Tropezón e Boca Grande (Tabeaio), Casa Roel (Cañás) e Casa Adolfo (Sergude).
Grupos participantes
O cartel musical estará encabezado polos anfitrións do Grupo de Música Tradicional Arnela (Carral) e contará, ademais, con Os da Media Pedalada e Os do Lado do Sol (Abegondo); Os do Xalo (Carral); Cantareiros Son Daquí (A Coruña); Silbarda (A Capela); Eu que sei (Culleredo); Son da Gaita (Boqueixón); Tocata Xou (As Somozas); Pandereteiras das Encrobas (Cerceda) e Pandereteiras A Meda (Sada).
Desde Cultura Aberta animan a veciñanza e visitantes a achegarse á Vila dos Mártires para gozar da música tradicional, da gastronomía carralesa e dunha festa con moita raigame e xolda nas baiucas do concello.