Carral activa ‘Volve a Carral no Nadal’ e sorteará 2.000 euros en premios para impulsar o comercio local

ACoruñaXa
A campaña, vixente ata o 12 de xaneiro, repartirá rascas entre a clientela de establecementos adheridos e busca tamén promocionar os recursos turísticos do municipio
CARRAL volve a carral por nadal
17 Dec 2025

O Concello de Carral pon en marcha ‘Volve a Carral no Nadal’, unha campaña coa que repartirá 2.000 euros en premios entre a clientela dos establecementos comerciais e hostaleiros adheridos. A iniciativa ten un dobre obxectivo: dinamizar o consumo no tecido económico local durante as festas e contribuír a dar visibilidade aos recursos turísticos do municipio.

A concelleira de Comercio, Isabel López Pérez, sinala que a proposta pretende ‘impulsar e dar a coñecer a ampla variedade de locais que temos tanto en Carral como nas parroquias, así como estimular o consumo nos mesmos durante as festas’.

A campaña estará activa ata o 12 de xaneiro. Ata esa data, as persoas que realicen compras nos negocios participantes recibirán un rasca. Para obtelo, establécese un consumo mínimo de 20 euros con carácter xeral, aínda que no caso de bazares, mercerías, farmacias e hostalaría o importe mínimo baixa a 5 euros.

Se o rasca resulta premiado, a persoa agraciada deberá entregalo no Concello xunto co ticket de compra antes do 30 de xaneiro. O reparto contempla dous premios de 300 euros, catro de 200 euros e seis de 100 euros. Estes importes deberán gastarse, preferentemente, nos establecementos inscritos en ‘Volve a Carral no Nadal’ ou no resto de negocios do municipio.

⚙ Configurar cookies
0.078290939331055