Carral activa os campamentos deportivos de verán con preto de 200 participantes

ACoruñaXa
Terán como escenario principal as instalacións do CEIP Plurilingüe Vicente Otero Valcárcel e o pavillón municipal
campamento-carral
24 Jun 2025

O Concello de Carral puxo en marcha esta semana unha nova edición dos seus campamentos deportivos de verán, unha iniciativa que busca combinar o apoio á conciliación familiar coa promoción da actividade física entre os máis pequenos.

Durante as dez semanas que durará o programa, preto de 200 nenos e nenas participarán nas diferentes propostas organizadas, que terán como escenario principal as instalacións do CEIP Plurilingüe Vicente Otero Valcárcel e o pavillón municipal.

A actividade non se limitará a estes espazos: os rapaces e rapazas tamén realizarán visitas a outras instalacións deportivas do municipio, excursións a contornas naturais, saídas á praia e visitas culturais e deportivas a concellos veciños.

Dende o Goberno local destacan que a iniciativa persegue un dobre obxectivo: “por unha banda, promover a conciliación da vida laboral e familiar dos veciños e veciñas durante a época estival e, pola outra, dar a coñecer aos pequenos e pequenas as distintas modalidades deportivas que se practican no municipio”.

Os campamentos desenvolveranse en diferentes quendas ata o 29 de agosto. Para facilitar a organización das familias, o Concello ofrece ademais servizos complementarios de madrugadores e comedor, ampliando así o horario de atención aos participantes.

⚙ Configurar cookies
0.18454003334045