Carral acollerá unha nova edición da Exhibición Municipal de Patinaxe Artística

ACoruñaXa
O evento contará coa participación de arredor de 150 patinadores e patinadoras de todas as idades
carral-ximnasia
3 Jun 2025

O pavillón de O Espiño será escenario este domingo, 8 de xuño, dunha nova edición da Exhibición Municipal de Patinaxe Artística, unha das citas clásicas deste deporte na comarca. A actividade, organizada polo Concello de Carral en colaboración co club de patinaxe Alquimia, desenvolverase entre as 11.00 e as 13.00 horas aproximadamente.

O evento contará coa participación de arredor de 150 patinadores e patinadoras de todas as idades, pertencentes a oito entidades, entre clubs, colexios e escolas deportivas municipais: Ribeira, Sada, Arteixo, Oza, Peleteiro, As Pontes, Alquimia e Carral. Ao remate da exhibición, entregaráselles a todos os participantes un agasallo conmemorativo como recordo da súa participación.

Esta actividade pecha a programación deportiva de primavera e enmárcase no obxectivo do Concello de Carral de fomentar e promover a práctica deportiva ao longo de todo o ano 2025. Desde o goberno municipal destacan o papel fundamental deste tipo de iniciativas para impulsar o deporte entre a poboación máis nova, contribuíndo ao seu desenvolvemento físico, social e emocional.

⚙ Configurar cookies
0.12011885643005