Carral acolle o IX Torneo de Pádel de Verán con 26 parellas participantes

ACoruñaXa
Os encontros, que suman un total de 70 partidos, contan con participantes de entre 16 e 56 anos
padel
30 Jul 2025

Carral dá o pistoletazo de saída ao seu IX Torneo de Pádel de Verán, unha cita xa consolidada no calendario deportivo local. A competición arranca este xoves, 31 de xullo, e prolongarase ata o 27 de setembro, coa participación de 26 parellas —un total de 50 xogadores— repartidas en dúas categorías segundo o seu nivel de xogo.

O torneo estrutúrase en dúas divisións: nivel A (medio-alto), no que competirán 8 parellas; e nivel B (medio-baixo), que contará con 17 parellas. A competición comezará cunha fase de liguiña ata o 13 de setembro, da que sairán os mellores equipos que avanzarán á fase eliminatoria —cuartos de final, semifinais e final— prevista entre o 15 e o 27 de setembro.

Os encontros, que suman un total de 70 partidos, disputaranse en horario de tarde-noite a partir das 19.30 horas, aínda que os horarios poderán adaptarse de común acordo entre as parellas. Os participantes teñen idades comprendidas entre os 16 e os 56 anos, sendo maioritariamente veciños e veciñas do municipio.

A organización salienta que o obxectivo principal deste torneo é "o fomento do deporte entre a poboación adulta, así como posibilitar a práctica de novas modalidades deportivas entre os carraleses". Por ese motivo, a participación no torneo é completamente gratuíta.

⚙ Configurar cookies
0.20989990234375