Carral abrirá o prazo para solicitar o servizo de Madrugadores no CEIPP Vicente Otero Valcárcel

O Concello de Carral continúa a apostar pola conciliación da vida laboral e familiar das súas veciñas e veciños, tanto durante os períodos lectivos como nas épocas non escolares. Neste marco, o luns 28 de xullo abrirase o prazo para solicitar o servizo municipal de Madrugadores, dirixido ao alumnado do CEIPP Vicente Otero Valcárcel e xestionado directamente polo departamento de Educación.
A prestación comezará o 9 de setembro, coincidindo co inicio do curso escolar 2025-2026. A través deste servizo, os nenos e nenas poderán acceder ao centro educativo desde as 7.30 horas, onde estarán atendidos por persoal monitor até o comezo das clases, favorecendo así a organización das familias con horarios laborais temperáns.
As prazas dispoñibles son limitadas e cubriranse por orde de inscrición. A ficha de solicitude xa está dispoñible na sede electrónica do Concello de Carral. Poderá presentarse de forma telemática ou presencial no rexistro municipal entre o luns 28 de xullo ás 9.00 horas e o venres 8 de agosto ás 14.00 horas.
Con esta iniciativa, o Concello reafirma o seu compromiso cunha educación accesible e adaptada ás necesidades das familias do municipio.