Carral abre a tempada de verán coa posta en marcha da piscina municipal e novos cursos de natación

ACoruñaXa
O Concello levou a cabo varias melloras no recinto para garantir unha experiencia máis cómoda e segura
carral-piscina
9 Jun 2025

O verán xa se sente en Carral e o Concello xa ten todo preparado para a súa apertura oficial o vindeiro venres, 13 de xuño, coa posta en marcha da piscina municipal. A instalación estará aberta ata o 7 de setembro en horario continuo de 12.00 a 21.00 horas, de luns a domingo, incluídos festivos.

Antes da súa apertura, o Concello levou a cabo varias melloras no recinto para garantir unha experiencia máis cómoda e segura para os usuarios. Entre as actuacións realizadas están a poda das árbores para favorecer a entrada de luz, o encintado do vaso da piscina, a limpeza da beirarrúa perimetral e o resembrado na zona axardinada.

Como é habitual, o Concello ofrecerá diferentes opcións de acceso para os veciños e veciñas empadroadas, incluíndo entradas diarias con descontos para menores de 18 anos e persoas maiores, ademais de abonos individuais e familiares. Os menores de 3 anos poderán acceder de balde.

A piscina contará con servizo de socorrismo e os usuarios deberán seguir as normas habituais das instalacións de uso público. Será obrigatorio o uso de roupa de baño e chanclas, e recoméndase o uso de gorro.

Cursos de natación para os máis novos

Dentro da programación estival, o Concello volverá a ofertar cursos de natación nos meses de xullo e agosto, dirixidos a nenas e nenos de entre 3 e 15 anos. As sesións desenvolveranse do 1 ao 31 de xullo e do 1 ao 29 de agosto, en quendas de mañá entre as 11.30 e as 14.00 horas, segundo os grupos e idades.

O alumnado dividirase en función da idade e nivel (iniciación ou perfeccionamento), cunha duración de 45 minutos por sesión, de luns a venres, sempre baixo a supervisión dun monitor especializado e a presenza dun socorrista. O custo será de 28 euros por alumno ao mes.

O prazo de inscrición para os cursos de xullo será do 16 ao 23 de xuño, mentres que para os de agosto irá do 14 ao 23 de xullo. As solicitudes poderán realizarse de forma telemática a través da sede electrónica do Concello ou presencialmente no Rexistro Municipal.

As persoas interesadas poden obter máis información ou formalizar a súa inscrición no Centro Deportivo de Carral, a través do teléfono 678 338 847 ou no correo electrónico complexo.deportivo@carral.es.

⚙ Configurar cookies
0.15814900398254