Carlos Gómez Rodríguez toma posesión como novo comisario provincial da Coruña
A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, presidiu o acto oficial de toma de posesión do novo comisario provincial da Coruña, o comisario Carlos Gómez Rodríguez, a quen trasladou como retos no seu mando a protección dos dereitos e liberdades públicas para salvagardar a convivencia e a atención ás mulleres vítimas da violencia de xénero. Así o fixo no seu discurso co que pechou este acto, celebrado esta mañá na sede da Subdelegación do Goberno.
Na súa intervención, María Rivas insistiu en que “non hai escusas diante da violencia de xénero”, e subliñou que “previr e perseguir a violencia contra as mulleres é unha prioridade que lle debemos á nosa sociedade e paso previo para unha igualdade real”. Sobre o segundo reto, a subdelegada insistiu na necesidade de velar por unha “convivencia sa, nas nosas rúas, no ocio e no traballo”, para o que pediu á Policía Nacional un esforzo engadido para “estar cada día máis preto dos coruñeses e das coruñesas, e que a vosa presenza sexa garantía de seguridade, protección e amparo como o foi sempre ata o de agora”.
No discurso tamén repasou a traxectoria do novo comisario provincial, que ingresou como inspector no Corpo Nacional de Policía. A subdelegada destacou dos seus máis de 25 anos de carreira policial as súas responsabilidades en unidades especializadas e prestixiosas na loita contra o narcotráfico e o branqueo de capitais. E sinalou o último destino do comisario, como xefe da Brigada Central de Estupefacientes “que nos fala da súa capacidade e valía”. Desde esta unidade realízase a coordinación operativa das unidades territoriais dedicadas á persecución do tráfico de drogas e do crime organizado a nivel nacional.
A subdelegada quixo ter palabras de agradecemento ao xefe superior de Policía de Galicia, Ramón Gómez, e ao xefe rexional de Operacións e anterior comisario provincial, Fernando Javier Martínez, xa que en poucas semanas alcanzarán a idade de xubilación. Deles destacou a súa “lealdade e profesionalidade”.
Na toma de posesión de hoxe tamén estiveron presentes a alcaldesa da Coruña, o Xefe Superior da Policía Nacional de Galicia, Ramón Gómez Nieto; o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e os reitores das universidades da Coruña, Ricardo Cao, e de Santiago, Antonio López, entre outras autoridades.
Datos do novo comisario
Carlos Gómez Rodríguez, Xefe da Comisaría Provincia da Coruña, naceu en Salamanca o 16 de xullo de 1965. Superou o ingreso no Corpo Nacional de Policía como inspector no ano 1998 e ascendeu a comisario en 2018. É licenciado en Ciencias Xeolóxicas.
Na súa traxectoria estivo destinado na Unidade de Axentes Encubertos, na Brigada Central de Investigación do Branqueo de Capitais e anticorrupción e na Brigada Central de Estupefacientes, da que se converteu en xefe no ano 2023. Nestes anos, Carlos Gómez foi obxecto de 114 felicitacións públicas individuais e colectivas. Tamén foi distinguido con sete cruces da Orde do Mérito Policial, da Orde do Mérito da Garda Civil e do Mérito Naval.
O novo comisario terá baixo o seu mando a máis de 1.300 efectivos destinados nas catro comisarías locais da provincia (A Coruña, Ferrol-Narón, Santiago e Ribeira) e na unidade de documentación situada en Carballo. Un territorio extenso no que habitan máis de 475.000 persoas e onde se sitúa un importante tecido industrial.