Carlos Vales, director do Ceida: "Na Coruña temos a colonia máis importante de corvo mariño cristado da península"

ACoruñaXa
Falamos co biólogo Carlos Vales, para coñecer máis en profundidade a labor deste centro científico situado dentro da Reserva da biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras de Mandeo
Carlos Vales é o director do Ceida situado en Oleiros
19 Maio 2024

O Castelo de Santa Cruz, situado nos arredores da cidade da Coruña, é un dos principais atractivos turísticos do municipio de Oleiros. Situado na illa de Santa Cruz, require atravesar unha pasarela para acceder a ela desde o pobo. No pasado, foi a residencia da familia da escritora Emilia Pardo Bazán, e os seus xardíns ofrecen un espazo tranquilo para pasear e disfrutar das vistas á bahía da Coruña.

Sen embargo, moita xente non sabe que esta histórica fortaleza hoxe en día alberga o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA). Falamos co seu Director, o biólogo Carlos Vales, para coñecer máis en profundidade a labor deste centro científico situado dentro da Reserva da biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras de Mandeo.

-Que é o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia?

O Ceiga é o principal centro de educación ambiental en Galicia, dedicado a sensibilizar, formar e divulgar cuestións ambientais. Aínda que moitos asocien a educación ambiental só a actividades escolares con nenos e rapaces, o Ceiga aborda unha ampla variedade de temas con diversos colectivos, incluíndo a problemática do cambio climático, a contaminación dos océanos e conservación da natureza, entre outras.

Alén diso, ofrece formación e capacitación para diversos colectivos, desde profesores e educadores ambientais a técnicos municipais, abordando temas como xestión do territorio e planificación paisaxística, así como a promoción de boas practicas alimentarias, incentivando o consumo de produtos de proximidade e locais que non estean sometidos a tratamentos químicos.

-Como xurdiu o centro? Por que se sitúa no Castelo de Santa Cruz?

O Concello de Oleiros adquiriu o Castelo e a illa de Santa Cruz para uso público, pero debido aos altos custos de xestión, decidiu compartir a xestión con outras entidades. No momento no que o Concello adquire o Castelo de Santa Cruz acababa de poñerse en marcha o Centro Nacional de Educación Ambiental por parte do Goberno e empezaba a falarse de establecer centros de referencia nos diferentes territorios do país. Propuxo ao Goberno galego e á Universidade da Coruña establecer un centro de educación ambiental no Castelo, creando un organismo de xestión compartida entre as tres entidades.

-Colaborades con outras entidades?

Contamos con unha liña de cooperación internacional na que traballamos con entidades que teñen obxectivos parecidos aos nosos, tanto no caso español co Centro Nacional de Educación Ambiental como o Centro e Educación Ambiental da Comunidade Valenciana e de internacional, con países como o Brasil, México, Portugal e con outros países africanos que teñen o portugués como lingua oficial.

-Cal é o perfil profesional das persoas que traballan no Ceida?

É un perfil bastante interdisciplinar. Por unha banda, temos ao persoal administrativo da entidade e a unha documentalista que dirixe o centro de documentación. E, por outra, o equipo de educación que está conformado por perfís moi diversos: un licenciado en Ciencias do Mar, un licenciado en Ciencias Agrarias, unha licenciada en Educación Social, un licenciado en Ciencias Ambientais e un Biólogo, entre outros.

A verdade é boa cousa que os perfís do persoal sexan diversos porque así canda un aporta dende os seus coñecementos de partida e se complementan perfectamente.

-Como chegou vostede a ocupar o posto de Director do Ceida?

Eu son o Director dende o ano 2001 porque no seu momento as tres institucións decidiron facer unha convocatoria pública, é dicir fun nomeado a través dun concurso público.

-Que actividades tedes en marcha na comarca da Coruña?

Agora mesmo todo o equipo educativo está facendo algún tipo de actividade pola Coruña. Estanse dando charlas sobre cambio climático en institutos, traballo de limpeza de plásticos nas praias, estase organizando un traballo sobre o estudo das aves mariñas tanto as residentes como as migratorias que pasan pola costa das proximidades da Coruña, no que lle chamamos o Arco Ártabro. Tamén temos grupos que fan excusións polas Fragas do Eume con alumnos de centros educativos da contorna.

-Como foi para vos o 2023?

A verdade é que foi un ano de moito traballo. Colaboramos coa Deputación da Coruña e coa Deputación de Pontevedra no desenvolvemento de actividades educativas relacionadas coa educación ambiental e a xestión de residuos urbanos. Ademais de desenvolver actividades formativas.

Tamén, desenvolvemos un programa de investigación para facer un seguimento das aves migratorias e residentes que temos na zona da Coruña, que nos deu como resultado que aquí temos colonia máis importante de corvo mariño cristado de toda a España peninsular. Ademais, de que o Arco Ártabro é unha zona moi importante de alimentación para a pardela balear que é a ave mariña máis ameaza de Europa.

-Preservades o legado da escritora Emilia Pardo Bazán no castelo?

Dentro da programación educativa temos visitas guiadas ao Castelo e a illa de Santa Cruz, que poden solicitadas tanto centros escolares como asociacións culturais e de veciños, entre outras. Nelas se explica tanto a historia do Castelo como as persoas que moraron no inmoble como Emilia Pardo Bazán.

-Como percibe a xente e Oleiros ao Ceida?

A verdade é que moi ben. Hai moita xente do Concello que aproveita o espazo para vir a pasear todos os días. Tamén, indirectamente estámoslle dando vida a Santa Cruz porque as persoas que veñen a participar nos cursos que organizamos realizan unha ocupación hoteleira ou consumen na hostalería do municipio. Contribuímos a dinamizar a riqueza económica da localidade.

-Na zona da Coruña valoramos o medioambiente?

Teño a convicción de que a conciencia medioambiental vai en aumento, pero o fai porque a degradación ambiental tamén está a crecer. É dicir, temos unha situación ambiental a nivel planetario cada vez máis preocupante, o problema máis coñecido é o do cambio climático que nos afecta a todos por igual, dende o cambio de temporais que veñen ás chuvias e as olas de calor, entre outro problemas. A cuestión é ser capaces de ir dando alternativas que permitan enfrontarse aos problemas e que podamos paralizar o deterioro o antes posible.

0.14199995994568