Carlos Duarte da Silva e Sancho Ramalho gañan o Repsol Eco Rallye A Coruña 2025

A cidade viviu unha xornada de motor sostible con moito ambiente en María Pita e cunha chea de curiosos seguindo os coches pola provincia. A novena edición do Repsol Eco Rallye A Coruña pechou a súa aventura máis longa e diversa cun balance moi positivo.
Os grandes protagonistas foron Carlos Duarte da Silva e Sancho Ramalho, que levaron a vitoria mundialista ao volante dun BMW i3. No podio acompañáronos José Manuel Pérez Aicart e Javier Herrera co Hyundai Kona Electric e Guido Guerrini con Artur Prusack nun KIA e-Niro.
No CEEA, a categoría de eléctricos tivo sabor español: Pérez Aicart e Herrera fixéronse co triunfo. O KIA EV3 brillou co segundo posto de Nuno Miguel Silva e Ivo Miguel Martins e o terceiro de Eduardo Carpintero e José Carlos Mendes.
Entre os híbridos enchufables, Ángel Santos e Mario Osma celebraron por partida dobre: gañaron con Toyota C-HR Plug-in e amarraron o título nacional. Miguel Anxo Vilas e Jorge Fernández (Jaecco) foron segundos e Pablo García e Tiffany Araújo (Toyota C-HR Plug-in) completaron o caixón.
Na clase de híbridos, triunfo para Laura Aparicio e Jorge Garcés, segundo posto de David Pérez e David Sánchez e terceiro para Jesús Ángel Domínguez e Adolfo González-Almuiña. Como manda a Copa Kobe, todos pilotaron Toyota Yaris.
A entrega de premios reuniu a afección coas autoridades e organización, poñendo o broche a unha edición na que máis de 50 equipos percorreron 574 km, pasaron por 39 concellos e estreáronse na provincia de Lugo. A Coruña consolídase así como unha parada obrigada do automobilismo eficiente.