Caos no inicio do curso no Conservatorio Profesional de Música de Culleredo

O novo curso escolar arrancou con forte malestar no Conservatorio Profesional de Música de Culleredo. As familias e o alumnado acusan ao Concello dunha total desorganización, que lles impide comezar as clases con normalidade.
Segundo a Asociación de Nais e Pais do centro (ANPA O Burgo), a situación é insostible: a día de hoxe non se fixeron públicas as listaxes definitivas de alumnado admitido, non se remitiron os horarios das clases colectivas, non se convocou o estudantado para elixir os horarios das clases individuais e tampouco se informou da data exacta de inicio das actividades lectivas.
A Xunta de Galicia establece que o curso debe comezar o 8 de setembro, con posibilidade de atrasarse ata o 15 no caso das Ensinanzas de Réxime Especial, como é a música. Porén, en Culleredo aínda se están a organizar cuestións básicas mentres noutros conservatorios galegos as clases xa comezaron.
As familias consideran un agravio ter que permanecer á espera cando noutros centros o alumnado xa está asistindo ás aulas, e reclaman ao Concello unha resposta inmediata. Entre as súas demandas están: a publicación urxente dos horarios colectivos, a convocatoria para escoller horarios individuais e o inicio das clases antes de que remate o prazo máximo fixado pola Xunta. Ademais, esixen unha comunicación fluída que lles permita estar informados das medidas que se adopten.
A ANPA lembra que o Conservatorio Profesional de Música é un centro oficial de ensinanza regulada e que non pode ser tratado 'con desdén'. Reclaman respecto para as familias e o alumnado, así como unha planificación á altura da importancia das ensinanzas artísticas.