Candela Peña presentará o seu novo espectáculo 'Peña+Peña' no Teatro Colón

A actriz Candela Peña actuará o vindeiro domingo 13 de abril no Teatro Colón de A Coruña co seu novo espectáculo 'Peña+Peña'. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, subliñou que, "desde o Goberno de Inés Rey seguimos sumando grandes nomes á programación cultural da cidade, tendo ao Colón como un dos seus grandes escenarios".
O espectáculo de Candela Peña será único e exclusivo, cun formato completamente improvisado. Non haberá escenografía máis aló da presenza da propia actriz, que se subirá ao escenario para ofrecer un monólogo cargado de anécdotas, momentos inesperados e sorpresas. A función promete unha charla auténtica, divertida e sen filtros, co público como parte esencial da experiencia.
Unha das características principais do espectáculo é que queda absolutamente prohibido gravar ou usar o móbil durante a función, o que garante a autenticidade e a espontaneidade do evento. As entradas estarán dispoñibles a partir deste xoves 20 de marzo.
Candela Peña (1973), recoñecida pola súa versatilidade en cine, teatro e televisión, conta cunha exitosa carreira na que destacou especialmente en películas como Te doy mis ojos, Princesas e Una pistola en cada mano, gañando tres premios Goya. A súa forza interpretativa e a súa forte personalidade en pantalla continúan a conquistando ao público.