Camiños Coruña leva Intercamiños 2026 por un suspiro e pecha a cita cun triunfo na casa

Intercamiños 2026 xa ten vencedor. O Club Deportivo Camiños Coruña da Universidade da Coruña (UDC), anfitrión da XXXIV edición, proclamouse campión no sumatorio total das probas tras subir ao podio en distintas modalidades e alcanzar os 60 puntos no global. A clasificación final estivo máis axustada imposible: Santander quedou a un só punto con 59 e Barcelona completou o podio con 45.
A Coruña converteuse entre o 19 e o 21 de febreiro no punto de encontro do deporte universitario ligado ás escolas de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos, cunha participación por riba do milleiro de estudantes e delegacións procedentes da Coruña, Alacante, Barcelona, Cartaxena, Cidade Real, Granada, Madrid, Valencia e Santander. As competicións repartíronse entre o campus de Elviña e instalacións deportivas municipais.
No plano deportivo, o atletismo deixou algúns dos duelos máis seguidos: A Coruña levou a vitoria nos 800 metros femininos, mentres que Valencia gañou o 100 masculino e Cartaxena impúxose no 100 feminino. Nos relevos mixtos, a primeira posición foi para Valencia, coa Coruña segunda. Nos xogos tradicionais, destacaron probas como a probeta, as carreiras de sacos ou a sogatira, que tamén sumaron puntos clave para a clasificación final.
En deportes de equipo, o conxunto local volveu aparecer en postos de honra, cun segundo lugar no fútbol sala feminino e un terceiro no fútbol 7. Ademais, asinou un resultado destacado no voleibol masculino, onde se proclamou campión, e tamén subiu ao podio no baloncesto masculino.
Desde o Club Deportivo Camiños Coruña puxeron o acento no ambiente vivido durante a fin de semana e nos valores que arrouparon a competición, marcada polo ‘compañeirismo e respecto’ entre escolas. A organización tamén confirmou que en 2027 a seguinte sede será Barcelona, da UPC, que recollerá o relevo para a próxima edición.