Camiñando Galicia: Ruta polo río Mandeo dende Chelo (Coirós)

ACoruñaXa
O río Mandeo ao seu paso polo Concello de Coirós na comarca de Betanzos conta con rutas de sendeirismo ideais para mergullarse na beleza da súa fauna e flora
Imaxe da presa do río Mandeo en Chelo
11 Ago 2024

Miriam García

A ribeira do río Mandeo é un lugar de gran riqueza e preciosas paisaxes para descubrir camiñando. Unha boa opción para poder desfrutar da súa beleza é realizar unha das rutas de sendeirismo que parten dende o Centro de interpretación do río Mandeo en Coirós polas súas ribeiras.

O río Mandeo nace no Marco das Pías na serra da Cova da Serpe en Friol (Lugo) e desemboca na ría de Betanzos na provincia da Coruña tras un percorrido de 56 quilómetros.

Itinerario 1 (6,3 km)

O primeiro itinerario conduce dende Chelo río arriba, ata a mini central eléctrica do Zarzo para volver de novo ao punto de inicio cruzando á outra beira do río por unha ponte. Remontaremos o río e se camiñará rodeados dun bosque de ribeira en bo estado de conservación que alberga unha gran variedade de plantas e animais, algúns deles incluídos no catálogo galego de especies ameazadas.

Esta ruta ten unha distancia de 6,3 quilómetros entre a ida e a volta. Conta cunha dificultade baixa, pero non é accesible para persoas con mobilidade reducida durante todo o ser percorrido. O tempo estimado de duración é de tres horas.

Neste sentido, partindo dente o Centro de Interpretación do río Mandeo comezamos a camiñar a carón  da antiga presa do muiño de Chelo. Durante o camiño podemos admirar as árbores que forman o bosque de ribeira, como os ameneiros, as abeleiras e os freixos que abrazan o río proporcionándolle sombra, abrigo e alimento a moitos animais.

Co paso dos anos o río foi escavando ao seu paso un sinuoso pasadizo entre as grandes rochas graníticas situadas nas súas beiras. Mentres deixamos atrás un río ancho e maino, introducímonos nun tramos rápido cheo de penas que o Mandeo non foi capaz de erosionar.

O noso percorrido discorre por un couto de pesca que está cheo de profundos pozos, como o de Moura, onde os reos e salmóns descansan da súa viaxe polo río. Ademais, a lavandeira real, o merlo rieiro e o martiño pescador son algunhas das aves que sobrevoan as augas xunto cos cabaliños do demo e as libélulas.

Neste punto, o camiño ascende ata a impresionante Pena da Cabra que se mergulla no leito do Mandeo. No punto máis alto pasaremos sobre un pequeno afloramento de seixo e dende el, seguiremos camiñando polo camiño máis doado que sae de fronte.  Un pouco máis adiante veremos a presa da Cabra, unha vella presa construída polos pescadores.

Logo de deixar atrás a pasarela do Pedregal encontraremos os restos de varias edificacións de pedra e un vello muíño. Máis adiante, no punto máis alto do noso percorrido atópase a minicentral hidroeléctrica do Zarzo que aproveita as augas do Mandeo e do seu afluente o Zarzo. Neste punto será onde cruzaremos o río e comezaremos o camiño de volta pola outra beira. Nos primeiros metros do descenso cruzaremos unha zona de eucaliptos que romper coa harmonía da paisaxe natural galega, pero máis adiante volverán a recibirnos os acivros, os rascacús e as arandeiras.

Chegaremos ás ruínas do que foi un importante balneario ao que acudía a xente con problemas de fígado ou da pel para tratar esas doenzas coas augas sulfurosas que manan da súa fonte. Este edificio foi construído na década dos anos 30 do século XX e foi arrasado por un incendio nos anos 40, aínda que se conserva os restos da súa edificación e a fonte.

Máis adiante chegaremos á ponte do Pedregal, ao seu carón destacan uns exemplares de olmo, sinxelos de identificar polas súas follas moi ásperas e de base asimétrica. Ademais, as pozas a carón do río son o lugar preferido de moitos anfibios como os pintafontes, as ras ou os sapos. Tamén, vive neste bosque a píntega rabilonga.

De seguido, o camiño ascende sorteando uns penedos dende onde tremos unha boa panorámica da Espenuca, na cima da cal se alza a Igrexa de Santa Eulalia e un miradoiro natural dende onde se divisa o Mandeo e a zonas das Mariñas.  Camiñamos un pouco máis e chegaremos ao final da ruta no punto de partida.

Itinerario 2 (2,5 km)

A segunda ruta é máis curta que a anterior, pois conta con 2,5 quilómetros (con ida e volta) e se pode completar nun tempo aproximado de 45 minutos. Trátase dun pequeno itinerario que nos levará dende o aparcamento de Chelo (no Centro de interpretación do río Mandeo) ata a Ponte Teixeiro sempre a carón do río e atravesando un precioso bosque no que predominan as abeleiras.

Esta senda conta cunha dificultade baixa. Unha vez superada a ponte de Chelo é accesible en todo o seu percorrido a persoas con mobilidade reducida, aínda que con algo de dificultade.

Comezamos a camiñar no aparcamento cruzando a ponte ata a beira de en fronte do río. Dende a ponte seguimos río abaixo para atopar unha pequena praia que o curso do río foi formando ao depositar sedimentos. A ruta enseguida atravesa un frondoso bosque no que predominan as abeleiras.

Máis adiante chegamos ao muíño de Chelo, que foi un dos máis importantes da comarca. Era un muíño de maquía, propiedade dun muiñeiro (a diferenza dos muíños de herdeiros que eran de varios veciños). Ata este muíño viñan veciños de ambas marxes do río e incluso en barca dende Betanzos.

A Ponte de Teixeiro é o punto máis baixo do percorrido. A ponte está preto do campo onde se celebra cada 8 e 25 de agosto a festa dos Caneiros, unha romaría fluvial na que os veciños de Betanzos engalan as súas barcas e remontan o río para pasar un día de festa rodeados de natureza. Dende ela volvemos polo mesmo camiño ata o Centro de interpretación do río Mandeo.

0.19749689102173