Camiñando Galicia: a ruta pola Senda das Marismas de Baxoi en Miño

ACoruñaXa
Esta ruta de tipo circular é ideal para practicar durante os meses de bo tempo rodeados de natureza e do mar que xeran o encanto particular do Concello de Miño
Imaxe da senda das Marismas de Baxoi
16 Xuño 2024

Miriam García

Miño conta cunha ruta de sendeirismo ideal para practicar durante os meses de bo tempo rodeados de natureza e mar. Fálamos da Senda das Marismas de Baxoi, coñecida oficialmente como Dunas e Marismas do Baxoi. Trátase dunha ruta de sendeirismo de 7 quilómetros cunha dificultade media que discorre por camiños de terra e pasarelas de madeira, polo que pode ser realizada por case todo tipo de persoas, incluso acompañados de animais.

O percorrido  por esta ruta de tipo circular ten unha duración aproximada dunha hora e 45 minutos. Discorre, comezando e rematando, no parque da Rúa para despois seguir polo paseo, as dunas e as marismas da Praia Grande de Miño, pola a senda das Marismas do Baxoi, a ponte do Baxoi e por un tramo do Camiño Inglés de Santiago.

O punto de inicio está situado no parque da Rúa e comeza baixando ata a Praia Grande de Miño. Unha vez nela, percorrese durante uns dous quilómetros a praia entre dunas e marismas ata cruzar a ponte sobre o río Baxoi. Cabe destacar que as dunas que discorren en paralelo á costa están declaradas como hábitat de interese comunitario de Europa debido a súa biodiversidade e valor xeomorfolóxico. Pois, nelas medra o barrón ou carrizo, que fixa o chan e soporta fortes ventos e unha alta salinidade. A contorna é visitada por corvos mariños, gaivotas e garzas durante todo o ano.

Despois de cruzar a ponte da estrada, hai que virar cara a dereita en dirección a Bañobre ata atopar os sinais co desvío "Senda das Marismas do Baxoi". Ditos sinais son fáciles de ver, xa que están situados preto dos piares da autoestrada. Unha vez tomado este rumbo, adentarémonos nunha zona de meandros cheos de xuncos e fondos limosos que mesturan auga doce coa salgada. Ao longo desta zona hai diversos bancos dispostos para sentarse a desfrutar da fermosa paisaxe. Máis adiante verase unha pasarela de 150 metros que se debe cruzar para sortear a zona asolagada.

Neste punto, xa se levarán feitos 4 quilómetros de camiñata. A senda desemboca na estrada DP-4801, onde viraremos á dereita. De seguido debense camiñar 200 metros ata a área de descanso de Ponte Baxoi, dentro do Camiño Inglés de Santiago. A ruta xacobea pasa por Miño, situándose no quilómetro 80 dos 122 desta vertente que parte do peirao de Ferrol.

Nesta zona atópase a Ponte Medieval do río Baxoi, unha das sete pontes mandadas construír polo cabaleiro medieval betanceiro Fernán Pérez Andrade, O Boo. Ademais, ofrécese aos camiñantes unha área de descanso cunha fonte.

Dende a Ponte Medieval de Baxoi comeza a etapa final da ruta para a que hai que seguir camiñando ao longo da Camiño Inglés en dirección Miño e continuar seguindo as indicacións cara á oficina de turismo do Concello, situada a carón do Parque da Rúa.

 

0.11524200439453