Cambre renuncia a 60.000 euros para mellorar a pista deportiva do Temple

O Concello de Cambre renunciou a un investimento de 60.000 euros previsto para a mellora da pista deportiva do Temple. Trátase dunha actuación aprobada en 2022 que non sairá adiante por non teren sido posibles a contratación, a execución e a xustificación dentro da prórroga máxima dos prazos. Segundo Alternativa dos Veciños, esta renuncia súmase a 637.767 euros perdidos no último mes en axudas do Plan Provincial (POS+) da Deputación da Coruña.
A formación sinala que a perda de financiamento repercute en proxectos recollidos nos plans municipais, como a reforma da praza Fernando Buesa, a renovación do paseo dos Templarios ou melloras de accesibilidade en Lendoiro e A Barcala. O voceiro do grupo, Raúl Varela, indicou que agardan que no futuro se poidan recuperar partidas para actuacións prioritarias e pediu maior previsión administrativa para evitar situacións semellantes.
Alternativa dos Veciños remarca que, aínda que existen vías para tentar reprogramar investimentos, a realidade a día de hoxe é que a pista do Temple non recibirá os 60.000 euros inicialmente asignados.