Cambre recibe a visita de trece alumnos de Oxford nun intercambio lingüístico
O salón de plenos da Casa do Concello acolleu o martes a visita de trece alumnos e alumnas da Wychwood School de Oxford, que están en Cambre como parte dun intercambio lingüístico co IES David Buján.
Os estudantes, de entre 13 e 19 anos, estarán en Galicia durante esta semana, asistindo a clases e participando en diversas actividades culturais e educativas. Ademais, o alumnado do IES David Buján, de 3º e 4º de ESO e 1º de Bacharelato, acompáñaos nesta experiencia de intercambio.
A alcaldesa, María Pan, foi a encargada de recibir ao grupo no Concello. Durante a recepción, a rexedora destacou algúns dos principais puntos de interese do municipio, como a Igrexa románica de Santa María de Cambre, o paseo fluvial e o Camiño Inglés, ademais de mencionar celebracións locais como o Entroido, o Galaicoi e eventos como a feira OpenScience ou o festival Rock in Cambre.
Para rematar o acto, os representantes da Wychwood School entregaron como agasallo un libro ilustrado sobre Oxford ao Concello.