Cambre porá en marcha un servizo de préstamo de locais municipais para uso veciñal

O Concello de Cambre habilitará a partir de 2026 un novo servizo de préstamo de locais municipais para que a veciñanza poida utilizalos na organización de actividades propias. A medida chega tras aprobarse en pleno a proposta presentada por Alternativa, que recollía unha demanda recorrente sobre todo nas zonas máis urbanas do municipio.
O acordo permitirá que persoas e colectivos do concello poidan solicitar espazos públicos para celebracións familiares, aniversarios, reunións veciñais ou iniciativas culturais e sociais de pequena escala, seguindo a liña doutros concellos limítrofes nos que este servizo leva anos implantado.
Desde Alternativa subliñan que a proposta naceu para dar resposta ás dificultades que moitas familias e asociacións atopan á hora de dispoñer dun lugar axeitado no que reunirse, especialmente en barrios con vivendas máis pequenas. O goberno municipal confirmou a súa aceptación da iniciativa e comprometeuse a poñela en marcha ao longo do ano 2026, unha vez definidas as normas de uso, o sistema de reservas e os espazos que se porán a disposición da cidadanía.