Cambre organiza un concerto de boleros para os maiores do municipio
O próximo sábado, 5 de outubro, o Concello de Cambre celebrará un concerto dedicado ás persoas maiores como parte do seu programa municipal de Envellecemento activo. O evento, titulado Grazas á vida, servirá como homenaxe aos veciños e veciñas de maior idade.
Raquel Capote, á voz, e César Páez, á guitarra, serán os encargados de poñer música á cita, interpretando unha selección de boleros clásicos e outros ritmos da música cubana que o público recoñecerá facilmente. A actuación terá lugar o 5 de outubro, ás 17:00 horas, no teatro do Parque da Igrexa. En caso de condicións meteorolóxicas adversas, comunicarase un cambio de localización.
Landa Díaz, concelleira de Servizos Sociais e Recursos Humanos, destaca que esta actividade comparte os mesmos obxectivos que outras accións do programa de Envellecemento activo: "A idea é que os nosos maiores poidan ter alternativas de lecer divertidas e que lles permitan, ademais, manterse activos".