Cambre lanza o Certame Xoán Díaz para novas promesas da literatura moza

ACoruñaXa
Unha iniciativa que xa alcanza a súa 31ª convocatoria e que ten como obxectivo estimular o talento literario da mocidade
Imaxe recurso literatura
12 Apr 2025

O Concello de Cambre, en colaboración cos IES Afonso X O Sabio e David Buján, vén de poñer en marcha unha nova edición do Certame Xoán Díaz, unha iniciativa que xa alcanza a súa 31ª convocatoria e que ten como obxectivo estimular o talento literario da mocidade entre os 12 e os 30 anos.

O concurso, que se converteu nun referente no panorama cultural local, estrutúrase en tres categorías segundo a idade das persoas participantes: a categoría A está dirixida a mozos e mozas de entre 12 e 14 anos; a B, para os de 15 a 18 anos; e a C, para aqueles de 19 a 30 anos.

As persoas interesadas poderán presentar obras nunha das tres modalidades dispoñibles. Na modalidade de poesía, será necesario entregar un mínimo de tres poemas, de tema e forma libres. No caso da narración breve, os textos deberán ter unha extensión máxima de cinco páxinas escritas por unha soa cara, tamén con temática libre. A terceira modalidade, a de microteatro, contará cunha extensión mínima de cinco páxinas e máxima de dez, igualmente por unha soa cara e sen restrición temática.

Todos os traballos deberán estar redactados en lingua galega, ser orixinais e inéditos, e non ter sido premiados con anterioridade. A presentación das obras realizarase exclusivamente a través da sede electrónica do Concello, desde este sábado 12 de abril ata o mércores 30 do mesmo mes.

As persoas participantes deberán achegar tres arquivos: a ficha de inscrición, unha copia do DNI e o traballo literario baixo seudónimo, indicando o título da obra e a categoría correspondente. A solicitude debe ir dirixida ao Servizo de Bibliotecas.

Un xurado especializado será o encargado de valorar os textos e determinar os dous premios por categoría e modalidade. No caso de que os traballos non acaden un nivel suficiente de calidade, os premios poderán declararse desertos.

Desde o Concello destacan a importancia de espazos coma este para fomentar a creación literaria entre a mocidade: “O Certame Xoán Díaz é unha xanela para que as novas xeracións poidan expresarse, experimentar coa lingua e mostrar o seu potencial artístico”, sinalan.

⚙ Configurar cookies
0.1222071647644