Cambre impulsa o apoio a familias en situación de vulnerabilidade co programa Píllara

O Concello de Cambre traballa e impulsa a través de obradoiros o programa de inclusión Píllara. Entre as liñas destacan os estilos parentais, a teoría do apego, estratexias de xestión emocional e manexo de conflitos, límites e normas, igualdade e o uso da tecnoloxía, todo isto enfocado na infancia e na adolescencia.
A iniciativa, promovida polo departamento de Servizos Sociais, está centrada no apoio e na educación para as familias usuarias dos servizos sociais comunitarios municipais. As sesións comezaron a principios de decembro e prolongaranse ata o mércores 19 de febreiro. Ao remate do ciclo, impartiranse un total de dez sesións, das cales seis estarán dedicadas á infancia (ata os 12 anos) e as catro restantes á adolescencia (de entre 12 e 18 anos).
Como explica a educadora social responsable do programa, Verónica Pérez, o obxectivo destes talleres é “crear unha rede de apoio para as familias, un espazo no que poidan sentirse cómodas para intercambiar experiencias”.
A través dunha metodoloxía participativa, dialóxica e vivencial, búscase cumprir diversos obxectivos: identificar os distintos estilos educativos e o seu impacto no desenvolvemento psicolóxico da infancia; comprender a importancia do vínculo de apego no benestar infantil; reforzar a relevancia dos límites e o fomento da autonomía na educación familiar; promover valores de igualdade e corresponsabilidade nas familias; adquirir estratexias de xestión emocional e manexo de conflitos; fomentar un uso adecuado da tecnoloxía tanto na infancia como na adolescencia; e poñer en valor a importancia do tempo de lecer en familia, achegándolles ás persoas participantes os recursos dispoñibles.
Ademais das accións colectivas, o proxecto Píllara inclúe unha valoración, atención e seguimento individualizado, ofrecendo ás familias un acompañamento estreito para evitar que a súa situación de vulnerabilidade empeore.
Na súa edición anterior, desenvolvida entre 2021 e 2023, máis de medio cento de familias beneficiáronse das propostas do programa, que incluíron obradoiros de economía doméstica, competencias parentais ou autoestima para mulleres. Do total de persoas atendidas, 43 foron mulleres e 11 homes, a maioría con idades entre os 25 e os 54 anos, destacando unha elevada porcentaxe de familias monomarentais (o 34 %).