Cambre explora novas vías de colaboración coa Xunta para mellorar servizos deportivos e de emerxencias

O concelleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou este xoves o municipio de Cambre para manter un encontro institucional coa alcaldesa, Diana Piñeiro. O obxectivo da reunión foi analizar posibles liñas de cooperación entre a Xunta e o Concello para reforzar os servizos deportivos e de emerxencias locais.
Durante a xuntanza, ambas partes coincidiron na necesidade de mellorar estas prestacións para dar resposta ás demandas da veciñanza. A alcaldesa destacou a importancia de contar con apoio autonómico para desenvolver proxectos estratéxicos no ámbito do deporte e da seguridade cidadá, áreas prioritarias para o goberno local.
Pola súa banda, Diego Calvo lembrou que a Xunta mantén activas diversas convocatorias anuais destinadas a apoiar ás entidades locais, tanto en materia de emerxencias como no impulso de infraestruturas deportivas. Subliñou tamén o compromiso do Goberno galego en colaborar cos concellos para garantir unha prestación eficaz destes servizos esenciais.
Esta visita institucional reforza os lazos de cooperación entre Cambre e a Administración autonómica, coa mirada posta en mellorar a calidade de vida da poboación e fortalecer os recursos municipais.