Cambre dá un paso para corrixir un punto negro de Bribes na DP-0102

A mellora da seguridade viaria en Bribes (Cambre) está máis preto tras o visto e prace, no pleno da Deputación da Coruña, ao proxecto para acondicionar a intersección da estrada provincial DP-0102 (Lema a Orto) á altura do Centro Social de Riveiriña. A actuación figura no Plan de Investimentos en Vías Provinciais 2025 e contou co voto favorable de Alternativa.
O grupo municipal de Alternativa en Cambre levaba tempo reclamando unha intervención neste cruce, ao considerar que soporta un volume elevado de tráfico e acumula un historial de sinistros que o converte nun punto especialmente perigoso para vehículos e peóns. En anteriores peticións sobre seguridade viaria, a formación xa incluía entre os ‘puntos de conflito’ do municipio o cruce da DP-0102 coa rúa Ribeiriña, na parroquia de Bribes.
A problemática chegou tamén ao pleno municipal de Cambre en decembro de 2020, cando se pediu á Deputación un estudo para ‘solucionar os accidentes de tráfico’ na DP-0102, citando o sinistro ocorrido o día 1 dese mes no cruzamento coa rúa Ribeiriña. Segundo recolle a acta, o goberno local informou daquela de que a Deputación xa estaba a elaborar un proxecto. Ademais, ese 1 de decembro de 2020 produciuse un accidente entre un bus escolar e un turismo no municipio, no que o copiloto do coche tivo que ser trasladado ao hospital.
O proxecto aprobado agora conta cun orzamento de 243.274,96 euros, dos cales 30.610,32 euros se reservan para as expropiacións necesarias. Unha vez completada esa fase, a documentación someterase a exposición pública durante dez días, coa publicación no Boletín Oficial da Provincia, paso previo á aprobación definitiva.
Esta actuación enmárcase nos programas de investimento e conservación viaria da Deputación, orientados a mellorar o estado e a seguridade das estradas provinciais.