Cambre abre as inscricións para o concurso do 'Entroido Pequeno Máis Grande do Mundo'

ACoruñaXa
A cita, moi arraigada no municipio, terá lugar o sábado 8 de marzo e agardase unha destacada participación veciñal
FOTO-CAMBRE--Entroido-pequeno-4
21 Feb 2025

Cambre prepárase para celebrar o Entroido Pequeno Máis Grande do Mundo cunha nova edición do seu tradicional concurso de disfraces, comparsas e carrozas. O Concello abrirá o prazo de inscrición o luns 24 de febreiro e manterao aberto ata o 5 de marzo. A cita, moi arraigada no municipio, terá lugar o sábado 8 de marzo e contará cunha destacada participación veciñal.

O certame municipal será un dos pratos fortes do evento. Tras a deliberación do xurado, repartiranse máis de 2.000 euros en premios. O tribunal terá en conta criterios como a orixinalidade, a creatividade, o uso de materiais reciclados, a posta en escena, a conservación da tradición, o uso do galego e a inspiración nas fontes culturais para outorgar os galardóns.

Na modalidade de disfraces, haberá dúas categorías: infantil, destinada a menores de 12 anos, e xeral, para participantes a partir desa idade. Poderase competir de forma individual ou en grupo, tendo en conta a idade maioritaria das persoas integrantes no caso das agrupacións.

As comparsas estarán formadas por un mínimo de seis persoas con disfraces relacionados entre si. Unha vez no escenario, e ante o xurado, realizarán un pequeno espectáculo de entre tres e catro minutos. As agrupacións do municipio recibirán unha gratificación de 100 euros, sempre que non superen o límite de cinco comparsas locais.

En canto ás carrozas, poderán participar aquelas formadas por seis ou máis integrantes, previamente inscritas, que estean presentes no punto de saída e tomen parte no desfile ata o Campo da Feira.

O xurado premiará os mellores participantes de cada categoría valorando a estética, o traballo de elaboración, a animación musical, a interacción co público, a capacidade de mobilización, a sátira e a crítica social, así como o coidado polo Entroido tradicional, o uso oral e escrito do galego e a creatividade no emprego de materiais reciclados.

Os premios serán de 150 euros para as categorías infantil e xeral de disfraces. As comparsas recibirán 300 euros para o primeiro premio e 200 euros para o segundo. Na modalidade de carrozas, outorgaranse 500 euros ao primeiro posto, 400 euros ao segundo, 250 euros ao terceiro e 150 euros ao cuarto clasificado.

As persoas interesadas poderán inscribirse presentando a súa solicitude nos Rexistros de Cambre ou a través da sede electrónica do Concello.

0.16385817527771