Callobre quenta o Entroido cun sábado cheo de festa e coa queima do meco como acto central

ACoruñaXa
A parroquia de Miño programa para o 21 de febreiro unha tarde infantil con merenda, chocolatada con churros, música en directo coas Cantareiras do Piñeiro e unha verbena nocturna con premios aos mellores disfraces
MIÑO queima antroidos de palla
19 Feb 2026

Callobre, en Miño, prepara un sábado de Entroido pensado para todos os públicos e cun guión que mestura tradición e festa ata ben entrada a noite. A xornada será o 21 de febreiro e está impulsada pola Asociación de Veciños Anduriña, coa colaboración da Comisión de Festas de Callobre.

A programación arrancará pola tarde cun Entroido infantil a partir das 17.00, con merenda para a rapazada. O seguinte gran momento chegará ás 19.00 coa queima do meco e a celebración do chamado Entroido pequeno, que incluirá chocolatada con churros e música en vivo a cargo das Cantareiras do Piñeiro.

Xa pola noite, a festa continuará desde as 22.30 horas cunha sesión amenizada por Dani Gigirey e un concurso con premios para os mellores disfraces, co obxectivo de manter o ambiente festivo na parroquia.

Desde a organización lembran tamén que, por cuestións de seguridade, só se queimararán mecos elaborados integramente con elementos naturais, como palla, xestas ou vimbios.

⚙ Configurar cookies
0.07859992980957